Thursday 16 de May de 2024

Comeza a construción do multiusos de Bastiagueiro coa colocación da primeira pedra do edificio


“Este edificio será sobre todo un templo das artes, un gran escenario para a música, a danza, o deporte e o teatro. Pero tamén unha instalación de gran importancia económica para o desenvolvemento do Concello, un complemento da actividade turística”. Con estas palabras presidía o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, o acto de colocación da primeira pedra do emblemático edificio de Bastiagueiro.

Un evento público ao que ademais da veciñanza, acudiron tamén bastantes representantes da vida cultural do Concello, nomeadamente das escolas de danza, teatro e música, que aportaron fotografías para o cofre que se colocou baixo esa primeira pedra.

O alcalde referiuse tamén a que o edificio xa se intentara facer en 2005, “pero que foi paralizado polo PSOE e o PP, sempre facendo pinza contra o progreso de Oleiros”. Naquela ocasión, o Concello tivera que indemnizar á construtora con case 200.000 euros. “Se puidésemos facelo no 2005 xa o estaríamos disfrutando agora”, dixo García Seoane.

O cofre que se enterrou baixo os alicerces do futuro recinto, de medio metro cúbico, contiña tamén xornais do día, moedas e algunha publicación, ademais dunha “Carta a quen sabe quen”, asinada polo alcalde, dirixida ás persoas que poidan chegar a lela no futuro, e na que fai algunhas reflexións sobre Oleiros e o mundo neste momento concreto da historia.

“É unha carta na que falamos do que fixemos en Oleiros nestas últimas décadas —dixo García Seoane— Falamos do idioma galego, deste edificio, do que protexemos a costa, dos parques, das bibliotecas, dos espazos para o deporte e a cultura, das festas, das persoas maiores, de como intentamos educar ás nenas e os nenos para que sexan libres e felices, coa mirada universal e xusta”.

A carta a uns hipotéticos receptores do futuro na que se da testemuña desta época na que se constrúe este edificio, fala tamén da desigualdade do planeta, do mundo movido só polo diñeiro, da avaricia, do capitalismo global, das guerras, dos desequilibrios económicos, do difícil que é promover o humanismo, a razón e a sensatez entre as persoas.